Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destina 70.000 euros á mellora, conservación, e divulgación de 143 árbores e 38 formacións senlleiras


— Belén do Campo avanza que os propietarios dunha senlleira poderán solicitar unha subvención que pode chegar ao 100% do custo da actuación desde mañá e ata o vindeiro 22 de xaneiro

— Lembra que, ao igual que na última convocatoria, existe unha liña dirixida aos concellos e outra a persoas físicas ou xurídicas

A Xunta destinará un orzamento de 70.000 euros a actuacións de mellora e conservación, así como de divulgación, das 143 árbores e 38 formacións declaradas como senlleiras e incluídas no catálogo galego destes elementos singulares.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, xunto co delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o castiñeiro de Casa Fragueiro, o último exemplar incluído no catálogo, onde avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as dúas ordes polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia.

Recordou que, ao igual que na última convocatoria, existe unha orde destinada ao concellos, dotada con 25.000 euros, e outra polo importe restante, 45.000 euros, dirixida ás persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades locais, ou entidades sen personalidade xurídica, propietarias en ambos casos de elementos incluídos no Catálogo na data de publicación no DOG.

As actividades que poden ser obxecto destas liñas de subvencións son a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno, accións de divulgación e sinalización e a realización de estudos. Estas poderán levarse a cabo desde a certificación de non inicio, emitida polo Servicio Provincial de Patrimonio Natural, ata o 30 de setembro.

Do Campo aclarou que só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante, que deberá presentarse ata o 22 de xaneiro de 2022. Cando unha persoa ou entidade sexa propietaria de varios elementos presentará nunha única solicitude para todas as árbores ou formacións para as que solicita axuda.

Tal e como explicou a directora xeral, os interesados en acollerse a esta liña de incentivos poderán acceder a subvencións de ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de 8.000 euros no caso dunha formación.

Elementos no Catálogo de senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

Un dos últimos elementos incluídos neste catálogo foi —xunto cunha sobreira de Redondela— o castiñeiro de Lugo, visitado esta mañá, polo que o catálogo suma xa un total de 181 elementos —143 árbores e 38 formacións— pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

ÁRBORES FORMACIÓNS TOTAL
A Coruña 42 12 54
Lugo 33 6 39
Ourense 20 6 26
Pontevedra 48 14 62
Total 143 38 181